De Ponteareas ao Montblanc
13/06/2007

De Ponteareas ao Montblanc tan só hai arredor de 4.850 metros de diferencia respecto ao nivel do mar, casi nada para os tres veciños de Ponteareas que nos próximos días voltarán a arriscar as súa vidas para poder estar nun lugar privilexiado: a cúspide do Montblanc.
Pepe Montenegro de Salvaterra, José Moreno de Ribadetea e Vicente Zas de Pías, acompañados de Enrique González de Mos, conquistarán o cumio do Montblanc a finais de xuño pero antes agárdalles unha dura etapa de aclimatación.
“O teito de Europa está esperándonos. Eu repito pero os demais vanno intentar por vez primeira. O primeiro día faremos 1000 metros e xa o segundo día escalaremos por rampas de xeo e neve ata o cumio”, explica Pepe Montenegro.
Pero antes disto terán que aclimatarse facendo escaladas previas de 3000 metros de altura, “date conta que en Ponteareas estamos a 45 metros de altura sobre o nivel do mar e o Montblanc está a 4897 metros, así que durante unha semana estaremos subiendo e baixando para ir acostumando o corpo”, aclara José Moreno.
Mochila ás costas cargada de roupa de alta montaña e algo de comida, auga, té para saciar a sede, os crampóns e os pirolets a punto e as botas nos pés son os ùnicos acompañantes destes catro intrépidos que superan todos os cincuenta anos de idade. Aseguran que se atopan en moi boa forma física e que este deporte rexuvenece. Paseos polos arredores da vila e adestramentos de fin de semana no monte Galleiro, no Galiñeiro e en Budiño son os exercizos que practican durante todo o ano para logo atreverse na conquista dos picos máis altos de Europa.
O ano pasado fixeron o Aneto, tamén pisaron o Monte Perdido e, o Bignemale, entre outros moitos picos e montañas nas que xa deixaron a súa pegada.
Aínda que en todas as súas espedicións teñen vivido momentos indescriptibles foi no Possets donde estiveron a piques de perde-la vida. “Iamos tres, o primeiro entrou no glaciar pero Pepe ó pisar a neve resbalou e tiroume a mín que estaba agardando nunha rocha. Caín entre unha parede de pedra e o glaciar e pouco a pouco puiden ir remontando. Aínda non sei como nos salvamos. Tan só durou uns segundos pero fíxose eterno. O único que pensas é en parar e poder clavar o piolet na neve”, detalla José Moreno, que empezou tan só fai tres anos a escalar.
Moitos se preguntarán que fan un comerciante, un carpinteiro, un funcionario e un técnico en reparacións tentando subir unha parede de xeo; eles respostan que desfrutar das vistas. “Estar ahí arriba é unha sensación de ledicia, de estar no máis alto de todo, nun lugar privilexiado, no que case ninguén pode chegar”.
Ademais disto, a escalada permítelles coñecer a xente de todo o mundo. “Os vascos son os que máis escalan pero te atopas xente de tódalas idades e nacionalidades, como o inglés de 72 anos que escalaba co seu fillo. O día do Corpus estarán facendo o circo de Gredos no pico Almanzor para traballar en xeo e irse preparando. “É un deporte moi duro porque chegas a camiñar ata doce horas en xeo”.
Subirán ao Montblanc pola vía normal e logo baixarán pola vía dos “Españoles” rapelando. “Primeiro faremos o pico dos 4400 e despois veremos porque me gusta experimentar vías alternativas. Probablemente escalaremos unha parede vertical dun 80% de desnivel e 40m de longo”, puntualiza Pepe.
Ao voltar do Montblanc seguirán as voltas coa idea de crear un clube de montañistas e tamén co seu empeño de que o Galleiro sexa un parque natural, “os todoterrenos, as motos e os quads esnaquizan o monte. Téñenos que prohibir dunha vez. Somos moitos os que nos gusta desfrutar dun xeito natural”, dí José.
Entry Filed under: Ponteareas. .


Trackback this post | Subscribe to the comments via RSS Feed