A CIG consegue os tres delegados do persoal funcionario do concello de Ponteareas
19/11/2007
O pasado venres día 16 celebráronse as eleccións sindicais no seo do persoal funcionario co Concello de Ponteareas. O número de representantes diminuíu de 5 a 3 pola reducción do persoal funcionario (48 fronte a 52 de hai 4 anos), polo que a elección foi para Delegados de Persoal funcionario, non para “Xunta de Persoal” como tiña acontecido en anteriores procesos eleitorais.
A CIG acadou os 3 Delegados que se elexían neste proceso, o que significa o 100% da representación, subindo en número fronte aos 2 que tiña na anterior “Xunta de Persoal”; entre tanto, os outros sindicatos quedan sen representación directa entre o funcionariado.
“O trunfo da CIG é a continuación do bo resultado acadado na elección para o Comité de Empresa do Persoal Laboral celebrada no pasado mes de maio, onde por primeira vez presentaba candidatura chegando a conseguir 1/3 dos 9 membros do Comité de Empresa. Co resultado do venres, despois dunha participación próxima ao 85% dos funcionarios e funcionarias, a CIG acada o 50% da representación global no Concello de Ponteareas, o que a converte en indispensable para as negociacións que se están a producir sobre a R.P.T. e outras que se poidan producir despois desta negociación”.
Dende a CIG entenden que o apoio recibido nestes dous procesos (Laborais e Funcionariado) non é máis que o froito do traballo “serio e comprometido” que veñen desenvolvendo dentro do Concello de Ponteareas, con propostas sempre encamiñadas a mudar a actual situación de “precariedade dunha grande maioría do persoal, en contraste cos privilexios dunha grande minoria, situacións que se veñen producindo desde hai moitos anos, e sen que nengun governo municipal tivera o atrevemento de afrontar para chegar a un marco de normalidade”.
O compromiso da CIG é continuar na mesma liña de traballo; negociación e reivindicación, para o que se sinten plenamente lexitimados.
Entry Filed under: Ponteareas. .


Trackback this post | Subscribe to the comments via RSS Feed