Máis de setenta alumnos do IES de Salvaterra viaxan a Andorra e San Isidro

Marzo 10, 2008

viajeandorra.jpg 

O concello de Salvaterra, a través da concellería de Mocidade e Deportes coordinada por Marta Valcárcel, colabora na organización de dúas viaxes que levarán aos estudantes do IES de Salvaterra a Andorra e á estación de neve de San Isidro (León). En total participarán preto de 70 alumnos, 35 deles de 1º e 2º da ESO e os demais de 3º e 4º.
A concelleira Marta Valcárcel sinalou que este tipo de actividades representa unha forma de “fomentar” a convivencia entre os alumnos e, sobre todo, dá a “oportunidade” a moitos estudantes de facer unha viaxe a unha estación de esquí.
Os primeiros en marcharse foron os 33 estudantes de 3º e 4º da ESO a Andorra. Onte, diante da mirada atenta dos seus pais e profesores, os alumnos contaban os segundos para que o autobús fretado polo concello iniciase a súa viaxe.
A maioría dos alumnos visita esta localidade por primeira vez, como é o caso de Noel Eiras Gándara, de 15 anos. Para poder viaxar, comentou que vendeu un “pouco de todo”, desde doces de nadal ata plantas e rifas. O mesmo lle pasou a Mara González Fernández, tamén de 15 anos, que vendeu mazapáns, plantas e incluso organizou, coa axuda doutras compañeiras, un desfile de moda. Non ten dúbidas de que a excursión “pagará a pena”.
En Andorra, onde estarán ata o venres pola noite, os estudantes centraranse, sobre todo, en actividades deportivas e aprenderán técnicas de esquí e snowboard.
“Clases de tres horas diarias e con monitores especializados”, recalcou Diego Formoso, un dos profesores que acompaña ao grupo, xunto con Andrés Cabana. Tamén farán ‘Kart sobre xeo’. O último día antes de emprender a viaxe de volta pasaranse por un balneario.
A viaxe á estación de San Isidro comezou onte, ás 13.30 horas. Acompañados polos profesores José Ángel Penes e Mayte Rey Cruces, os estudantes sairán tamén do IES de Salvaterra e regresarán ao municipio tras cinco días de moita aventura. Esta viaxe forma parte do programa da Deputación de Pontevedra ‘Semanas Brancas’. O ente provincial, conxuntamente co concello de Salvaterra, encárgase da maior parte da subvención da excursión, tendo os alumnos que achegar unicamente 165 euros. En San Isidro, os 35 estudantes poderán gozar sobre todo de clases de esquí, pero haberá tempo tamén para visitas culturais a León, actividades de sendeirismo e incluso unha visita aos espazos naturais de Castela e León.

Entry Filed under: Uncategorized. .

Leave a Comment

Required

Required, hidden

Some HTML allowed:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Categorías

Ligazóns

Publicd

Feeds