As casas do rural xa non teñen as chaves nas portas

Abril 4, 2008

reportaxe-xitanos.jpg
Os veciños dos rural xa non deixan as chaves nas portas e iso é un feito que se pode constatar dando un pequeno paseo polas aldeas nas que, xa case tan só, viven os nosos maiores.
A estampa das portas abertas nun día soleado quedou atrás, ao igual que o cadro das leiras sembradas repletas de familias traballando a terra.
Esta paisaxe agora semella bucólica pero nalgún tempo foi cotidianidade.
Entre os sucesos transmitidos pola televisión e os vividos en carne propia os nosos maiores, que pese a todo viven en tranquilidade, xa pechan os seus fogares cando baixan ao eirado.
Pequenos e grandes sucesos marcan o día a día da parte rural da comarca. O nosos maiores vanse facendo aos “sucesos da vida moderna” mentres seguen a pervivir as eternas loitas polas lindes, camiños e augas.
Nesta reportaxe, polo seu carácter social, lembraremos aqueles que máis trascenderon e inquedaron aos veciños.
Comezaremos polo último é máis difícil. Fai apenas un mes que a Policía Autonómica trasladaba a un centro de menores  a cinco cativos de etnia xitana que vivían na parroquia de Tortoreos, en As Neves.
Con idades comprendidas entre os catro e os trece anos, os menores estaban sen escolarizar, motivo polo que os centros escolares da zona  e os veciños puxeron en coñecemento da asistencia social do concello esta situación.
A primeira hora da mañá seis patrullas da Policía Autonómica seguidas de catro coches camuflados e apoiados pola Policía Local e a Guarda Civil de Salvaterra chegaban á finca da familia de V.T. J e D.B para trasladar aos cativos a un centro de menores.
A resistencia dos pais non foi suficiente para que as autoridades desistiran do seu cometido xa que estes cinco cativos (tres nenos e dúas nenas) non estaban escolarizados e vivían en condicións lamentables.
Un coche modelo Seat Panda e unha chabola de plásticos serviron a esta familia como fogar durante este último ano. Dende que a familia de V.T (duns 55 anos aproximadamente) e D.B (que non superaba os trinta  anos) mercou esta finca de Tortoreos os veciños viñan alertando da falla de hixiene e das malas condicións nas que vivían os cativos que, en moitas ocasións, valíanse da caridade dos veciños para alimentarse.
Coñecidos da familia aseguran que o maior dos nenos durmía dentro do Seat Panda mentres o resto da familia moraba baixo a cuberta de plásticos nas que se cobixaban do frío e a choiva.
“O pai obrigaba ao máis maior a durmir no coche por medo a que se relacionase coa madrastra”, apuntan os veciños.
As condicións non podian ser peores, atestiguan os colindantes. “Daba mágoa velos, sen lavar, pasando frío e, moitas veces, á choiva. Case estou segura de que incluso pasaban moitos días sen comer. Algúns veciños dábanlle comida pero no barrio sabíase que os pais recibían máis de mil euros de axudas para manter aos cativos e, sen embargo, non coidaban deles”, explica un veciño da zona.
Fontes cercanas á familia aseguran que logo deste suceso, os pais venderon a finca e trasladaronse a Vigo.
Nestes intres son máis de 32 xitanos os que viven no concello das Neves. Agrupados en tres familias, dúas delas viven en casas de aluguer e a outra nunha chabola.
De momento, a convivencia é cordial e non son frecuentes as denuncias entre paios e xitanos. Deste mesmo xeito conviven no concello de Salvaterra tres familias de etnia xitana que se reparten entre o barrio de Fontoura e dous pisos  no centro urbano. Dende o concello indican que son familias que teñen aos seus fillos escolarizados e se adican á venda ambulante.
Casualmente paios e xitanos reclaman o mesmo, “vivir
con normalidade e igualdade de dereitos” pero… que hai dos deberes?. É aquí onde se produce a discrepancia. Está claro que todos queren a igualdade “pero para todos ao mesmo prezo”, puntualizan os paios.
Ata o de agora os veciños destes dous concellos que sumados ao de Ponteareas, son os únicos da comarca no que residen veciños de etnia xitana, conviven sen grandes problemas que perturben o día a día. Caso aparte é o de Ponteareas que, pola súa problemática, tratarase con máis profundiade noutro número da Peneira do Condado.
Son outros os problemas que máis preocupan aos veciños de Salvaterra que nas últimas datas veñen reclamando un aumento tanto da plantilla da Policía Local coma da Garda Civil xa que, pola súa situación xeográfica na fronteira con Portugal, son o territorio ideal para pasar con facilidade ao país veciño.
Se ben no ano 2007 os atestados  instruídos pola Guarda Civil de Salvaterra diminuiron un pouco, non cesan de darse casos de roubos, faltas e danos á propiedade.
Confírmase así que aínda que no agro xa non vive tanta xente, os problemas seguen a ser os mesmos: lindes de fincas, reparto de regadío e zonas de paso, polas que os veciños pelexan ata chegar ás denuncias.
No 2007 tamén houbo un lixeiro descenso nas denuncias por malos tratos pero, lamentablemente, sí se rexistraron dous casos de abusos a menores nos que  fontes achegadas á familia aseguran que non se tomaron as suficientes medidas. Os rumores apuntan a que á estes pederastas tan só se lles impuxo unha orde de alonxamento motivo que leva á preocupación e a por en entredito a labor da xustiza.
Os veciños tampouco esquecen o día en que máis de corenta veciños amenceron atopando as portas dos seus coches forzadas e os cristais rotos. Unha banda organizada entrara nos garaxes dos edificios para facerse coa documentación dos coches e todo tipo de tarxetas. Estes son algúns dos sucesos que empañaron a tranquilidade coa que, normalmente, viven os veciños de Salvaterra.
Sucesos, nalgúns casos con pouca trascendencia e importancia pero que levan aos veciños a pedir un aumento da plantilla da Policía Local e da Garda Civil.  Na actualidade tan só hai un Policía local con 3 auxiliares e nove Guardas Civís.
Estes veciños solicitan que, ao igual que en Ponteareas, se incremente a plantilla da Guarda Civil en proporción ao aumento de poboación e á súa situación xeográfica.
En concellos máis pequenos, como o de Covelo, son frecuentes os atracos á gasoliñeira de Paraños e a algunha industria da mesma parroquia. Se ben, nestes días, o que máis lamentan é a paliza que recibiron unha parella de maiores que residían sos nos arredores de San Salvador de Prado. Os veciños aseguran que entrar nun fogar para roubar é inxustificable pero que pegarlle aos maiores non ten perdón.
Este suceso e a alerta dunha parella de supostos vendedores que aproveitaban para facerse coa confianza dos maiores do rural para roubarlles fan que as casas do agro pechen as súas portas deixando no recordo a estampa das casas de portas abertas tan características da nosa terra.
Agora xa comeza a ser habitual atoparse nos fogares do rural  medidas de seguridade, tipo alarmas. Pese a todo isto a tranquilidade segue a reinar e no campo segue a respirarse o frescor doce da primavera.
Tampouco esqueceremos nesta reportaxe a detención por parte da Garda Civil de Salvaterra dun home de etnia xitana que portaba na súa furgoneta máis dunha ducia de imaxes relixiosas roubadas en Portugal .
Outro dos casos que se deron na comarca foi o achádego do busto de Calvo Sotelo que naufragaba nas augas do Miño logo de que a agrupación Nós-Unidade Popular asegurase que o destruiran nunha fundición.
Foi o veciño portugués, Paulo Rui Fernández, quen atopou o busto afundido de Calvo Sotelo cando pescaba na súa barca no río Miño á altura da ponte internacional. Calvo Sotelo emerxía coas marcas do seu secuestro marcadas a rebarbadora.
Dous meses tardou en aparecer este obxecto, gardado durante anos no concello de Tui e roubado o pasado  20 de novembro de 2007 por dous activistas do grupo Nós- UP.
Aínda que no comunicado, con vídeo do  roubo incluído, Nós-UP aseguraba que  o busto fora levado a unha fundición logo de despezalo, parece que non queda dúbida- para mostra a foto- de que, en realidade, o que intentaron foi “afogalo”. Non con moito éxito, xa que un pescador portugués o atopou o  sábado de Entroido mentres navegaba coa súa barca polo río, que apenas contaba cun metro de auga. “Estaba máis ben do lado español”, asegura Paulo Rui mentres explica a A Peneira do Baixo Miño que ese mesmo día a recolleu do Miño, a meteu na súa embarcación e a levou aos concellos das dúas beiras do río, por se pertencía a algún deles. Ao non ser así acudiu á Policía Local, pero tampouco averiguaron de quen era. “Logo de case dúas semanas de tela na miña casa, farteime de vela aí, así que decidín levala ao cuartel da Guarda Civil”, explica Rui.
A Guarda Civil de Salvaterra sospeitando que o busto poderíapertencer ao concello de Tui   puxo “a cabeza” en mans da Policía Xudicial, que se encargou de de devolvela.

Volverá ao seu pedestal

Antonio Fernández Rocha, alcalde de Tui, foi avisado por este xornal do posible encontro do busto perdido e asegurou “o busto volverá ao seu pedestal na casa
do concello, ao mesmo lugar onde estaba antes”logo de ser restaurada.

Entry Filed under: A cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salvaterra. .

Leave a Comment

Required

Required, hidden

Some HTML allowed:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Categorías

Ligazóns

Publicd

Feeds