O Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, inaugurou hoxe en Xinzo, un proxecto de aproveitamento de biomasa forestal para a produción de calor
11/04/2008
O Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou hoxe a aprobación, antes de finais do primeiro semestre do ano, do Decreto polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da biomasa forestal. O documento, elaborado pola Consellería de Innovación e Industria, supón un importante paso na nova política impulsada polo goberno galego para revalorizar o sector forestal, “facendo do noso monte un axente de progreso e de benestar para a sociedade galega”, tal e como salientou Quintana no acto de inauguración do proxecto de aproveitamento de biomasa situado nos montes de Xinzo, en Ponteareas.
No decreto fíxase a potencia eléctrica que se pretende acadar a partir da instalación das centrais,dacordo co Plan Enerxético de Galiza 2007-2012, e que chegará aos 80 megawatss eléctricos, correspondéndolle a cada central unha potencia máxima de 10MW. Coa súa entrada en vigor, vanse propiciar investimentos por valor de 160 millóns de euros.
No tocante aos emprazamentos das centrais de biomasa, deberán reunir tres características: proximidade a un punto de interconexión coa rede de transporte, o emprazamento en solo con cualificación urbanística compatible e a dispoñibilidade de auga para o proceso produtivo.
O proxecto de aproveitamento de biomasa forestal inaugurado hoxe en Ponteareas, nos terreos da comunidade de montes de Xinzo, supón unha experiencia piloto de aproveitamento da biomasa forestal nesta comarca e enmárcase nunha das liñas do Plan da Biomasa: a de fomento de instalacións de calefacción alimentadas con este recurso. Trátase dunha área que, segundo informou hoxe Quintana, reúne todas as condicións de interese para a futura implantación dunha central, “e este proxecto representa unha proba para anticipar sobre o terreo as súas posibilidades efectivas”.
En concreto, o proxecto de Xinzo consistíu no desenvolvemento dun sistema integral de aproveitamento da biomasa forestal primaria do monte da Comunidade de Xinzo, e posteriormente na transformación desta biomasa nunha planta de produción de calor instalada no seu Centro Multiusos para dotalo de calefacción e auga quente.
Esta innovadora infraestructura supuxo un investimento superior aos 276.000euros, dos que 193.000 euros foron achegados a partes iguais pola Consellería de Medio Rural e o Instituto Enerxético de Galiza. A comunidade de montes de Xinzo e a Asociación Forestal de Galiza achegaron o orzamento restante, 72.000euros e 11.0000 euros respectivamente.
O vicepresidente eloxiou esta actuación como unha das moitas iniciativas que fixeron de Xinzo, “un exemplo de xestión racional do monte en proveito da súa poboación”, ao tempo que contribuíron ao dinamismo económico da parroquia e ao crecemento da súa poboación, en contra da tendencia xeral do medio rural. Ademais, Quintana puxo este proxecto como exemplo do que se quere facer a gran escala no conxunto do país: “aproveitar os nosos recursos tradicionais para innovar e para medrar e levar a cabo unha xestión sostible do noso monte”. Neste marco de traballo, lembrou que o monte galego ten máis potencialidades que a madeira, e apuntou á biomasa forestal como un novo recurso por descubrir e aproveitar para producir energía e, en consecuencia, “máis progreso e máis benestar para o noso medio rural e para a sociedade galega”.
Entry Filed under: Ponteareas. Etiquetas: a peneira, biomasa, quintana.
1 Comment Add your own
Leave a Comment
Some HTML allowed:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>
Trackback this post | Subscribe to the comments via RSS Feed


1.
Alberto Morris | 12/04/2008 at 11:01
Foi unha ceremonia bonita chea de xente e de ilusión polo que pode ser unha salvación do monte, un alivio na loita contra incendios e unha revalorización das terras contra a invasión das eólicas. Hai moito que fcaer no monte sen atraer toda esa porquería dos aeroxeneradores