A Consellería de Vivenda e Solo licita por 26,9 millóns a execución das obras das infraestructuras xerais da plataforma loxística Salvaterra-As Neves (PLISAN)
Abril 30, 2008
A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, licita por 26,9 millóns de euros a execución das obras das infraestruturas xerais da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (PLISAN). O Consello da Xunta autorizou na súa xuntanza de hoxe, a proposta do Departamento autonómico, a execución destas obras, que serán financiadas entre os tres propietarios do ámbito: a Autoridade Portuaria de Vigo que aporta 16.296.020 €, o Consorcio da Zona Franca de Vigo que aporta 5.682.625 €, e a Consellería de Vivenda e Solo que aporta 4.921.355 €.
A Consellería, como Administración encargada da contratación e execución das obras, remitiu hoxe ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) o anuncio da convocatoria do concurso público, polo que as empresas interesadas xa poden presentar as súas propostas ata o vindeiro día 10 de xullo nas oficinas de Xestur Pontevedra, sociedade pública adscrita á Consellería de Vivenda e Solo. Unha vez adxudicadas as obras, a empresa contratada disporá dun prazo máximo de 12 meses para a súa execución.
O orzamento de licitación inclúe unha revisión do Proxecto Técnico en base ao que se acometerán as obras, xa que data de 2003 e faise necesaria a incorporación dalgunhas melloras non contempladas así como unha revisión dos prezos recollidos no proxecto antigo.
As obras consistirán na execución dos sistemas xerais viarios que conectarán as diferentes áreas nas que se estrutura a PLISAN, así como a dotación das infraestruturas de servizos xerais comúns a todo o ámbito que inclúen as redes de abastecemento de auga potable, rede de saneamento e a canalización do subministro eléctrico.
En canto á instalación de infraestruturas para o abastecemento de auga, o proxecto contempla a construción dunha Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) propia, que permitirá dispor dunha capacidade de caudal de 200 litros por segundo.
Urbanización Área Loxística Empresarial
Este investimento de 26,9 millóns de euros para a dotación das infraestruturas básicas de todo o ámbito súmase aos 22,7 M.€ destinados pola Consellería de Vivenda e Solo para acometer as obras de urbanización do millón de metros cadrados que posúe na PLISAN, a denominada Área Loxística Empresarial.
O Consello da Xunta autorizou o pasado xoves 24 de abril este investimento por parte da Consellería nas obras de urbanización. Unha vez superado ese trámite administrativo, o Departamento autonómico xa remitiu ao DOUE o anuncio da convocatoria de concurso público, polo que as empresas interesadas poden presentar as súas propostas ata o vindeiro día 17 de xuño en Xestur Pontevedra, sociedade pública adscrita á Consellería de Vivenda e Solo.
Trala adxudicación das obras de urbanización, a empresa contratada disporá dun prazo máximo de 12 meses para a súa execución.
Entry Filed under: As Neves, Salvaterra. .


Leave a Comment
Some HTML allowed:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>
Trackback this post | Subscribe to the comments via RSS Feed