Monseñor Carlos Amigo participará nos actos previos ao Corpus Christi de Ponteareas
Mayo 8, 2008
O cardenal arzobispo de Sevilla, Monseñor Carlos Amigo, participará o vindeiro 13 de maio en Ponteareas en distintos actos previos á celebración das Festas do Corpus Christi 2008. Carlos Amigo aceptou a invitación do alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, para estar presente na vila en vésperas da festa grande da vila. Así, o 13 de maio, festividade da Virxe de Fátima, o arzobispo de Sevilla presidirá diversos actos na vila do Tea, que rematarán ás 21 horas, cando pronunciará a conferencia “Alfombras para el Corpus” no Auditorio Reveriano Soutullo.
Con motivo da presencia en Ponteareas de Monseñor Amigo, o Goberno Local organiza unha recepción á que poderán asistir todos os veciños e veciñas que o desexen. Será ás 13:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello. A continuación, ás 14:00 horas, o arzobispo acudirá a un xantar popular no restaurante “El otro mundo del Tea”. Todos os interesados en participar na comida poden retirar a invitación no Departamento Municipal de Cultura (teléfono 986 661675)
Polo serán, ás 20:00 horas, Monseñor Amigo presidirá a Santa Misa na Igrexa Parroquial de San Miguel de Ponteareas, á que seguirá a tradicional procesión da Virxe de Fátima, que contará coa súa participación. Ao remate da procesión, as 21:00 horas, o arzobispo de Sevilla exporá no auditorio Reveriano Soutullo a súa visión das Festas do Corpus nunha conferencia baixo o título “Alfombras para el Corpus”.
Monseñor Carlos Amigo ten unha grande vinculación con Ponteareas posto que é habitual a súa presencia durante o verán no convento dos franciscanos de Canedo. O Concello de Ponteareas amosa a súa satisfacción de que esta personalidade aceptara a invitación de trasladarse á vila do Tea e participar nas celebracións previas ás Festas do Corpus Christi.
Monseñor Carlos Amigo Vallejo naceu en agosto de 1934 en Medina de Rioseco, Valladolid. Foi arzobispo de Tánger entre 1974 e 1982, e é o arzobispo de Sevilla dende 1982.
Entry Filed under: Ponteareas. .


Leave a Comment
Some HTML allowed:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>
Trackback this post | Subscribe to the comments via RSS Feed