O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, visitou o concello das Neves

Mayo 13, 2008

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, amosouse confiado en que a Plataforma Loxística Salvaterra- As Neves (PLISÁN)se converta “nun polo de atracción de investimentos” e nun factor de “dinamización, de creación de emprego e de xeración de riqueza” que vai mellorar as condicións de vida dos habitantes da zona. Durante a visita institucional que o presidente galego realizou esta mañá ao concello das Neves, Pérez Touriño salientou que a PLISÁN vai dar lugar a novas oportunidades, a creación de novas empresas e de postos de traballo, converténdose na plataforma loxística “da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal”.

Na súa intervención, o titular da Xunta referiuse a que esta Plataforma contará con 4 millóns de metros cadrados de solo empresarial. Neste sentido, Touriño destacou que o Goberno que preside está a crear solo industrial en toda a comarca, en lugares como Arbo, Ponteareas ou Porriño, co obxectivo de poñer fin “ao déficit existente nesta materia” e coa finalidade de chegar a habilitación de máis de 17 millóns de metros cadrados.

Mellora da conectividade
O máximo mandatario galego destacou ademais que existe toda unha serie de infraestruturas que o Goberno galego acaba de presentar no Plan Sectorial Vigo Íntegra, un plan que supón máis de 2.000 millóns de euros de investimento, e que recolle máis de 700 actuacións. Nesta liña, remarcou que ademais das actuacións que beneficiar a Vigo e a súa área de influencia, existen outras que beneficiarán de maneira especial as comarcas do Condado e A Paradanta. Dúas zonas que considerou que constitúen un “enclave privilexiado”, dada súa proximidade ao Miño e ao norte de Portugal e a súa ubicación no Eixo Atlántico.

Para mellorar a accesibilidade e a mobilidade na zona, Pérez Touriño destacou que a nova autovía A-57, en forma de Y, conectará Pontevedra con Vigo e con Confurco, onde enlazará coa autovía das Rías Baixas. Así mesmo, salientou a nova autovía Vigo- Porriño, que se unirá á mellora da A-52, no treito entre Porriño e Confurco, onde enlazará coa nova autovía A-57.

Na mesma liña, referiuse ao acceso a PLISÁN desde á A-52, acceso que se suma á conexión da Plataforma Loxística, tamén a través da PO-510, Atios-Salvaterra, ou como a nove ponte internacional que conectará a PLISÁN con Portugal.

Na súa intervención, o titular da Xunta referiuse, ademais, á conexión da A-52 coa N-120, no este de Ponteareas, a variante de Ponteareas; ao enlace Atios- Porriño coa A-55; a conexión da A-57 coa PO-254 na Carrasqueira; ou a mellora da seguridade viaria na PO- 510 que une Porriño con Salvaterra.

A este importante paquete de actuacións en infraestruturas de comunicación, súmanse outras como o acondicionamento das estradas PO-261, Mondariz- Maceira, a PO-402, Oleiros- Vilasobroso, ou a variante da estrada OU-133 entre Cortegada e Filgueira, que incluirá unha nova ponte sobre o Miño. Trátase, segundo salientou Touriño, dun conxunto de actuacións “que deben servir para cambiar radicalmente a accesibilidade e a mobilidade desta zona”.

Infraestruturas medioambientais
Emilio Pérez Touriño destacou, tamén, as importantes obras que está a levar a cabo a Xunta en materia de abastecemento e saneamento de augas nas comarcas do Condado e A Paradanta. Concretamente, referiuse á finalización dos colectores e EDAR de Termes, no concello das Neves, que supuxo máis dun 1,5 millóns de euros de investimento e á que se une a tramitación do proxecto de xestión integral do río Termes.

Por último, Pérez Touriño apelou ao diálogo permanente e a cooperación entre administracións porque, sinalou, o as distintas administracións teñen como obxectivo mellorar a calidade de vida dos cidadáns, polo que estas están obrigadas a colaborar e a traballar desde o diálogo e o respecto mutuo.

Entry Filed under: As Neves. .

Leave a Comment

Required

Required, hidden

Some HTML allowed:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Categorías

Ligazóns

Publicd

Feeds