Política Territorial mellora o proxecto da estrada Crecente-Ribadavia incorporando un viaduto e unha variante que permitirán alonxar a vía dos elementos patrimoniais próximos

Mayo 13, 2008


A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ven de autorizar a redacción dun proxecto modificado para as obras de mellora que se están a acometer na estrada PO-801 entre Filgueira (no concello de Crecente) e o límite da provincia de Pontevedra con Ourense. Esta modificación ten como finalidade protexer aínda máis os elementos patrimoniais (muíños, ponte e Camiño Real) que se atopan no contorno. As novas obras contempladas no proxecto que agora se redactará suporán un investimento adicional de 610.000 euros, cantidade que se engadirá aos 6,6 millóns de euros que xa está a investir a CPTOPT no acondicionamento desta estrada.

As novas melloras que agora introduce a CPTOPT no proxecto distribúense en dous puntos do trazado:
-No punto quilométrico 0,300 executarase un viaduto duns 90 metros de luz que substituirá á bóveda prevista inicialmente para salvar un curso fluvial. O novo viaduto estará máis alonxado que a bóveda dos dous muíños que se atopan xunto a dito río.
-No punto quilométrico 1,500 construirase unha variante que modificará o trazado da estrada preservando o Camiño Real e da súa antiga ponte. Esta variante supón acurtar o trazado actual da estrada en preto de un quilómetro. Isto é, fronte aos cinco quilómetros que hai actualmente entre Filgueira e o límite da provincia, coa nova variante a distancia será de só 4 quilómetros.

Entre as vantaxes das novas actuacións incorporadas pola Consellería de Política Territorial a este proxecto, ademais da maior distancia que se garda con respecto aos elementos patrimoniais, é de salientar o respecto aos prazos construtivos. Así, as obras que xa están en marcha nos outros treitos da estrada continúan sen que se vexan afectadas polas melloras incorporadas agora.

A PO-801 (antiga PO-401, e que ten continuidade na OU-801 unha vez cruzado o límite provincial) discorre paralela ao río Miño, na súa marxe dereita, por un treito moi accidentado. A obra que actualmente acomete a CPTOPT consiste na mellora integral da estrada xa que ademais de anchear a calzada, se eliminan curvas e se constrúen novas glorietas e isletas en diversas interseccións, o que suporá unha importante mellora na seguridade viaria.

Entry Filed under: Crecente. .

Leave a Comment

Required

Required, hidden

Some HTML allowed:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Categorías

Ligazóns

Publicd

Feeds