Artigos editoriais

Artigos de opinión de
Guillermo Rodríguez, director de A Peneira
—————————————————————————————————————————————————O
O Condado está en Europa?
Ao longo da campaña das últimas eleccións europeas asistimos a un cruce de improperios entre os candidatos dos dous grandes partidos que darian para un libro.
O PP e o PSOE dedicáronse a minarse a credibilidade, reciprocamente. Non era Europa e as súas institucións quen estaba en xogo; era os dous galos de pelexa que trataban de derribar ó contrario, ainda que fora moral e mentalmente.
Preto dun cuarto de século que nos dixeron que Europa xa non remataba nos Pirineos e nós, inxenuos que somos, crémolo.
No Condado o PP arrasou. Non é ningunha novidade que os conservadores gañan por estas terras. Ó parecer somos uns novos burgueses con cartos que o temos que defender, conservar. Preguntado por que un mozo novo, ilustrado, fogueado nos aires revolucionados da Universidade, chegado a súa maioría de idade votaba conservador, a resposta foi moi sinxela: tiña que conservar a facenda familiar grazas a que estivera vivindo a corpo de rei durante anos e lle permitira ser revolucionario. Algo diso debe haber porque senón non atopamos explicación.
Ben, O Condado votou Europa e votou popular. Agora ben, ¿que significa Europa para os votantes do Condado? Alguén se molestou en falarlle de que maneira as institucións europeas afectan ao seu diario vivir? Pensamos que non.
O votante galego, nunha grande maioría, non votou pensando en Europa. Fíxoo porque queria que o seu partido sacara o maior número de votos posible. Nun caso para presentarse diante do seu electorado como trunfador sobre o inmediato contrincante; noutros casos, os menos, fixérono para que a súa formación política tamén chegara a Europa. Foi unha especie de guerra de imáxe entre opcións políticas que nuns casos se resumia en comerllela moral ó contrario e noutros en non desparecer do mapa electoral europeo.
Efectivamente, Europa tamén está no Condado. Está nos nosos rios, nas nosas prantacións de viña, na producción do noso gando, na instalación de grandes áreas comerciais, no prezo do peixe que nos traian os peixeiros da ria, está nas normas de tráfico, no tipo de estudios que os nosos fillo ou netos realizarán nas futuras universidades que dirixe Bruxelas.
Os fondos europeos xestionados por (AGADER) que cambiaron tantas cousas por estas terras están a punto de rematar. En fin, Europa está aquí, pero que nos dixeron os políticos que por aquí andiveron?
Salvando raras excepción, nada. Os partidos que teñen capacidade de facer outra Europa de nada nos falaron da Europa que temos e da que imos ter no futuro.
Logo, por que votamos así, as cegas, a unha opción política sen preguntarnos se é a que mellor vai defender os nosos intereses e os dos nosos fillos?
Algúns din que son misteiros da natureza humana; eu digo que os misterios hai que deixarllelos ós curas; aquí o que hai é moita ignorancia e moita dependencia política. De Europa chegounos a liberdade pero nós, acostumbrados a dicir !si gwana! ¡si señor! seguimos votando sen pensar siquera nos nosos intereses.
Vivan as cadeas! que xas dixemos no seu día.
—————————————————————————————————————————————————O
Condado/Paradanta está de noraboa
Moito se leva escrito sobre como artellar mellor a representación política a nivel xeográfico. Hoxe temos varias demarcacións electorais para elixir os nosos representantes: ámbito municipal, provincial e estatal (no caso das eleccións europeas). Non sempre foi así. Noutros tempos os deputados que ían formar parte das Cortes Xerais do Estado eran elixidos en ámbitos comarcais, hoxe non. Hoxe podemos atoparnos con candidatos que nin viven nin coñecen a provincia que, en teoría, van representar; son os chamados cuneros.
Sería ideal que a representación dos políticos se fixera por zonas, ou comarcas. Deste xeito cando tiveran que defender, no parlamento correspondente, cuestións de importancia faríano con total coñecemento.
En países do noso entorno existe a representación por comarcas, tal vez un día calquera os nosos lexisladores se decaten e cambien esa cuestión da lei electoral.
E mentres non chega ese día benvindos/as sexan os políticos que teñen na comarca a súa procedencia e foron aquí onde forxaron o seu capital político. A comarca do Condado/Paradanta pode sentirse orgullosa; nestes momentos podemos presumir de políticos/as de altura. Ben é verdade que xa noutros tempos esta comarca tiña voz nas alturas (Senado) con César Mera, alcalde de A Cañiza; (Parlamento estatal) Pepe Castro, daquela alcalde de Ponteareas. Casualidades da vida; agora son dous políticos dos mesmos concellos quen toman o relevo: Luis Piña, concelleiro socialista da Cañiza, vaise ó Parlamento de Madrid, e Nava Castro, deputada nas Cortes Xerais e concelleira en Ponteareas (ademais de filla de Pepe Castro) deixa Madrid e volta a Galicia para facerse cargo da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.
Non hai dúbida que ámbolos dous teñen unha representación que excede da comarca do Condado/Paradanta, pero non é menos certo que seguro esta comarca vai contar moito no seu labor nos respectivos cargos. Así o dixeron cando estaban en campaña, e así o van demostrar agora que toca dar trigo.
A Peneira felicita a Luis Piña e Nava Castro ofrecéndose para servir de amplificador dos seus logros comarcais e galegos, así como de facer un seguimento rigurosos dos seus modos e maneiras de facer política. Non podia ser doutro xeito; ámbolos dous coñecen a polar dete Xornal: procurar sempre que os feitos políticos sexan en beneficio da felicidade dos cidadáns, calquera que sexa a cor do político de turno.
—————————————————————————————————————————————————
Teñamos altura de miras
Ao longo da nosa vida vémonos na obriga de tomar decisión tódolos días. Unhas veces son cousas de pecata minuta pero outras veces trátase de asuntos de suma importancia. Hai cousas que afectan ao diario vivir; outras teñen trascendencia a medio e longo prazo. Son, precisamente, estas últimas as que debemos tomar con máis cautela e reflexión, xa que do seu resultado dependen sempre intereses que trascenden a nosa propia vida e van máis aló do que nós podemos abarcar neste pobre mundo.
No eido da política tamén se dan estas dúas maneiras de enfocar e resolver as cuestións que cada responsable político corresponden. Pode facer coma os paxaros de vóo rasante e non mirar máis aló do día a día, ou, pola contra, poden ter altura de miras e traballar sobre unha programación que transcende, tal vez o periodo do seu mandato, pero que está pensada para beneficiar ós cidadáns agora e no futuro.
Nestes días estase a producir o traspaso de poderes no goberno da Xunta. O bipartito entrega o mandato que os cidadáns lle concederan no 2004 ó partido gañador do pasado 1-M: o Partido Popular.
Moito se ten discutido sobre as causas polas que un equipo de goberno perde as eleccións aos tres anos e pico de facerse co poder. Non imos nós agora facer de oráculos délficos e dar unha resposta contundente. O que queremos expoñer ten que ver coa nosa formulación inicial; é dicir, con gobernar para agora ou para o futuro.
Aquí, tal vez, no enfoque que o bipartito deu á súa maneira de expor o uso do poder de goberno estea parte da razón da perda do propio goberno da Xunta. Dicimos parte porque sempre hai máis condicionantes en cuestións deste calibre.
Nós entendemos que o bipartito fixo cousas ben feitas. Tal vez non soubo expoñelas ós cidadáns e tamén, tal vez, despreciou a capacidade do seu adversario para descualificar o que facía e presentalo como algo que había que destruír. Porque ninguén, cun mínimo de sentido da honestidade, pode negar que decidir a gratuidade dos libros de texto para aliviar ás familias; dotar ós concellos das famosas galescolas, ou como agora queiran chamarlle, para que as parellas poidan traballar e ter os fillos atendidos; poñer en marcha o famoso banco de terras eliminando o abandono do campo e garantindo un aluguer ós propietarios (aínda que a propaganda popular chegara á desfachatez de distribuír panfletos dicindo que a Xunta quería quedarse coas terras dos paisanos), ao tempo que fixaba poboación nas nosas aldeas; construír centros de día para que os maiores estiveran atendidos e non foran unha carga excesiva para os seus familiares; sacar a concurso a nosa riqueza eólica de maneira que a propia Xunta, ou sexa, os poderes públicos galegos foran partícipes dos inmensos ingresos que iso vai producir; lexislar poñendo unha especial atención en que os máis necesitados poidan dispoñer dunha vivenda a prezo razoable; etc., etc., todas estas cousas son proxectos que van máis alo do día a día. Están pensados para sentar as bases dunha nova sociedade máis xusta e máis equilibrada.
No Condado poden facerse, do mesmo xeito, políticas que sexan pan para hoxe e fame para o futuro. Os responsables políticos poden pensar só na súa reelección cada catro anos ou en poñer en marcha políticas que ofrezan futuro para os cidadáns desta comarca. Poden asfaltar moitos camiños, colocar moitas farolas ou repartir migallas entre as entidades culturais ou deportivas. Pero tamén poden facer unha programación a nivel comarcal que ofreza mellores transportes, unha planificación urbanística que estea ao alcance dos que menos ingresos teñen, cuidar o medio ambiente como fonte de ingresos a medio e longo prazo, potenciar os sectores produtivos que axuden a fixar poboación nas aldeas para unha mellor vida sá e de cualidade, etc., etc.
Claro que isto podería ir en contra de recuncar nas alcaldías como lle pasou ó bipartito. Pero os grandes homes son os que proxectan e realizan grandes obras de presente e sobre todo de futuro, aínda que vaia en contra dos seus intereses persoais. Gustaríanos que así foran os alcaldes do Condado.
—————————————————————————————————————————————————
O Condado/Paradanta despois do 1º de marzo
Estamos no día despois. Sempre se dixo que en política non é suficiente gañar , senón convencer.
Quen gaña pero non convence pouco tempo lle vai durar a ganancia.
En Galicia celebráronse eleccións ó Parlamento e o PP saíu gañador; agora queda esperar para ver se son tan fáciles de resolver as deficiencias das que durante a campaña electoral acusou ó Bipartito.
Non hai dúbida de que Galicia presenta eivas importantes; estivemos e seguimos estando afastados dos despachos con moqueta de Madrid. Todo o conseguido, que non foi pouco, tivemos que sacarllo con forces. Foi Quintana o que se encargou das relacións entre a Xunta e o Goberno Central; foi Quintana quen trouxo para Galicia (pese á conxuntura) importantes cantidades de diñeiro para dependencia, para estradas, para ensino…, agora terá que facelo Núñez Feijó.
Nesta comarca que nos ocupa estaban en marcha varios proxectos de importancia: depuradora municipal, polígono industrial, saneamento, ensino, etc. É de esperar que os alcaldes da comarca, todos do PP., teñan a sensibilidade suficiente para non permitir que agora o seu partido deixe tirados estes serios proxectos; a comarca precisa poñerse as pilas se quere subirse ó tren da modernidade e competir co resto de comarcas veciñas que non se paran e cada vez se distancian máis de nós.
Por outra banda, os dous partidos máis implantados aquí, BNG e PSOE, teñen a obriga de facer un serio seguimento de como se van desenvolvendo os acontecementos, porque non podemos permitirnos o luxo de paralizar investimentos tan importantes coma os que xa foran programados polo goberno bipartito.
Palabra sonora esta de “bipartito”. Foi un experimento en Galicia, coa posta en marcha do bipartito, que fixo grandes cousas e non soubo utilizalas como o seu capital político cando precisou pedir o voto para recuncar na Xunta.
Os populares de O Condado/Paradanta, así como os socialistas e nacionalistas están obrigados a reclamar atención para esta comarca, unha das máis atrasadas de Galicia, que vive pensando en Vigo cando podía facelo pensando en si mesma.
—————————————————————————————————————————————————
1 Comment Add your own
Leave a Comment
Some HTML allowed:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>
Trackback this post | Subscribe to the comments via RSS Feed
1.
carqeixa | 23/06/2009 at 18:54
vostede esta seguro co condado esta en europa ou e vostede un papa chourizas amigo de qen governe izqerdas ou derei¡tas vos xantares cos alcaldes da igual signo politico e informacin a qe os alcaldes qeren e vostede escribe.