Xosé Manuel Budiño actuará dentro do programa das Festas do Río de Salvaterra

31/07/2008 at 16:51 1 comentario

Salvaterra renderá a vindeira fin de semana, 2 e 3 de agosto, a súa particular homenaxe ao río Miño coa celebración da terceira edición da Festa do Río, organizada pola concellería de Cultura que dirixe a tenente de alcalde, Marta Valcárcel. Unha completa programación onde terán cabida concursos de moi diversa índole, ademais da música de Xosé Manuel Budiño, obradoiros e exposicións, fará do río o lugar de encontro, participación e ledicia de veciños e visitantes.

Segundo explicou hoxe Marta Valcárcel, “Salvaterra estivo durante moitos anos vivindo de costas ao río, e nós, dende o concello, pensamos que a celebración desta festa é unha boa maneira de reivindicar o grande papel que o río representou na historia do noso municipio”. Por iso, o concello salvaterrense ven de programar unha fin de semana chea de actividades para todos e todas. “Queremos que esta sexa a festa da participación, que os vecinos e veciñas, e tamén os que nos visitan no verán, sepan que o río forma parte do noso patrimonio, polo que pedimos que todos se acheguen o sábado e o domingo ao Paseo do Río e compartan connosco todas as actividades e concursos que temos preparado”, explicou Valcárcel.

De feito, o sábado 2 de agosto a partir das 11.00 horas estarán abertos ao público as exposición e obradoiros, aínda que desde as 8.00 horas xa estará todo preparado para as inscricións dos diversos concursos convocados. Ademais, ás 9.30 celebrarase a proba da VI Copa Galega de Promoción de Slalom de piragüísmo.

Cinco concursos
Esta terceira edición da Festa do Río Miño contará con cinco concursos cuxas bases pódense consultar na casa do concello.
O primeiro deles é o concurso de pesca, que comezará o sábado 2 de agosto ás 8.00 da mañá coa recepción de participantes na carpa oficial da organización. A entrega de dorsais e bolsas de avituallamento terá lugar media hora más tarde. Ás 9.00 terá lugar o inicio do concurso que rematará ás 12.30 co reconto de pezas, pesaxe e clasificación de resultados.

Ás 14.00 á tenente de alcalde e concelleira de cultura, Marta Valcárcel, fará entrega dos premios. Os trofeos serán dous premios por categoría (senior, xuvenil e infantil). Os primeiros de cada categoría recibirán 100 euros, diploma e trofeo acreditativo. Os segundos, diploma e trofeos acreditativos.

As inscricións poden facerse no concello de Salvaterra de Miño ou na delegación provincial da Federación Galega de Pesca. O concurso será aberto e poderanse inscribir todos aqueles pescadores que o desexen e que estean en posesión da licencia de pesca, expedida pola Xunta de Galicia no ano 2008 ou equivalente en Portugal.

A modalidade de pesca será libre, soamente se poderá utilizar unha cana en acción de pesca, podendo cada concursante optar pola modalidade que máis lle conveña. A efectos de pesaxe, soamente poderá optar por unha especie de entre as que capture que terá a seguinte puntuación: troita (25 puntos por peza, e 1 punto por gramo de peso); boga, escalo e sábalo e outros (100 puntos por peza e 1 punto por gramo de peso). Os cebos serán libres sempre que se atopen dentro dos expresamente autorizados pola dirección xeral de Medio Ambiente da Xunta.

Un dos concursos que non podía faltar é a travesía a nado polo Miño, que celebrarase o sábado 2 de agosto e transcorrerá dende a ribeira portuguesa ata o parque da Canuda.

A carreira comezará ás 18.00 e os participantes poderán inscribirse nas dependencias do concello de Salvaterra ou no mesmo día na carpa da organización. Os menores terán que ter autorización paterna para poder inscribirse. En canto ás categorías haberá distinción entre cadetes (de 8 a 14 anos), xuvenís (de 15 a 18 anos) e seniors (máis de 18 anos). Á súa vez, estas categorías dividiranse en feminino e masculino.

Os premios serán de 150 euros para o gañador e gañadora na categoría senior, 100 euros para o gañador e a gañadora na categoría xuvenil, e 50 para o gañador e a gañadora cadetes. Non estará permitido utilizar ningún accesorio que axude á flotación como os traxes de neopreno, só se permitirá o uso de gafas.

A pintura rápida vai ser outro dos concursos da III Festa do Río no que se pode inscribir tamén momentos antes de comezar, o sábado 2 de agosto a partir das 8.00 horas. Aberto a tódalas persoas que o desexen, en dúas categorías: adultos e infantil (menores de 15 anos). O soporte, ríxido, de cor branca e superficie lisa, terá unha dimensión mínima de 40 cm e máxima de 100 cm. A técnica de pintura vai ser libre e centrados no tema das paisaxes e motivos relacionados co río Miño. Haberá un tempo de realización das 9.00 da mañá ata as 15.00 horas da tarde. O fallo do xurado farase público ás 20.00 horas. Os premios para o primeiro e segundo, na categoría adultos, son 300 euros e 150 respectivamente, xunto cun diploma. Os premios dos infantís son de 75 e 50 euros xunto co diploma. As obras premiadas van pasar a ser propiedade do Concello de Salvaterra.

Pola súa banda o mesmo día 2 farase público o fallo do concurso de fotografía, que pechou a súa inscrición o pasado 24 de xullo. Os premios son, para o primeiro e segundo, de 200 e 100 euros respectivamente, xunto cun diploma.

Por outra parte, ás 20.30 do sábado terán lugar unhas charlas con material audiovisual vinculadas aos ecosistemas fluviais. Os relatores van ser Manuel Ángel Pombal, responsable do grupo Neuroland, do departamento de Bioloxía Funcional da Universidade de Vigo; e Manuel Enrique García Blanco, ‘Garci’, biólogo mariño do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC de Bouzas.

Descenso de Tarecos
Outro dos concursos máis esperados, pola súa singularidade, será o Descenso de Tarecos, que se celebrará o domingo 3 de agosto ás 20.00 horas. Poderán participar todos os que o desexen. As categorías serán dúas: infantil e adulto.

Os tarecos, embarcacións caseiras feitas con materiais de refugallo, deben ir flotando río abaixo nunha distancia de 25 metros como mínimo e o número de participantes será de dous ou máis por embarcación, estando prohibidos os animais nos tarecos participantes.

Os premios para adultos serán para os catro mellores en función da orixinalidade e da flotabilidade dos aparellos construídos. Deste xeito, os premios van dende os 100 aos 400 euros xunto cun trofeo acreditativo. Na categoría infantil haberá dous premios, o primeiro de 150 euros e o segundo de 100, ambos acompañados do respectivo trofeo acreditativo.

Xosé Manuel Budiño
O capítulo da música na terceira edición da Festa do Río ven avalado por un nome moi importante dentro do panorama musical galego. Trátase do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, que ofrecerá un concerto o sábado 2 de agosto ás 23.00 horas no Auditorio do Parque Público de A Canuda.

Nacido en Vigo e residente actual na comarca do Morrazo, en Moaña, ten catro discos publicados: “Paralaia” (1998), “Arredor” (2000), “Zume De Terra” (2004) e “Home” (2007). Budiño móstranos que a gaita pasou de ser un antigo instrumento celta a un instrumento alternativo no noso mundo musical. Con melodías ledas e cancións que realzan a tradición celta, Xosé Manuel Budiño, formado como gaiteiro na escola de gaitas Semente Nova de Moaña, integrou a musica ao nivel mundial.

O seu novo traballo, ‘Home’, está cheo de vitalidade e melodías nacidas das viaxes do artista por diferentes lugares do mundo: Sofía, Buenos Aires, México D.F., Dublín, Milán, Líbano, Siria o Marruecos.

Entry filed under: Salvaterra.

Cine, música e obradoiros na programación de verán de Ponteareas A Deputación de Pontevedra intégrase nos seis grupos de desenvolvemento rural da provincia

1 comentario Add your own

  • 1. Alfonso  |  17/07/2009 ás 08:43

    Bos días, tedes algunhas bases reguladoras do concurso de Tarecos? medidas, pesos,… ou algo relacionado coa inscripción, datas, etc. moitas grazas.

    Resposta

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Categorías

Feeds


A %d blogueros les gusta esto: