‘O meu ideal sería ter un espazo propio de investigación e formación’

01/08/2008 at 10:07 Deixar un comentario

A Compañía de Teatro Arela das Artes nace na Caniza no ano 2002 baixo a dirección de Roberto Cordovani e Eisenhawer Moreno. A partires do 2005 continúa o seu percorrido dirixida e xestionada por Diana Mera e Marta Pérez que agora déronse un respiro para adicarse a afondar nos seus estudos. Diana Mera Estévez fala para A Peneira do Condado da vida dunha actriz de teatro.

-Unha vida adicada ao teatro, ¿de onde lle vén ese gusto?

-En 6º de EXB tiven a miña primeira experiencia como actriz e directora. As cousas melloraron cando a asociación da Caniza ofertou a actividade de teatro. Nese tempo fixen varias obras con Alejandra Juno, Xaime Costas, Miro Magariños, ata que chegou Roberto Cordovani co que nacería a Compañía Arela das Artes.
-Agora estuda Dirección de Escena na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, que supuxo para o sector a apertura desta escola?
–En primeiro lugar a posibilidade de optar a unha formación permanente e completa onde teoría e práctica van unidas da man. Despois está a vantaxe de que os estudos son oficiais e tendo en conta que o mundo do teatro e tan inestable o título nunca está demais, sempre tes a opción de impartir clases nalgunha escola ou incluso no bacharelato artístico, claro que esta non é a aspiración da maioría de nós. Ata agora a formación do sector galego era moi inestábel, baseábase sobre todo en cursos aquí e acolá, coñécense moitos métodos de traballos e profesores de altísima calidade pero o principal problema e que son de curta duración e non hai tempo suficiente para afondar nas metodoloxías propostas. Desde logo vai enriquecer e fortalecer moito ao panorama teatral galego e será a través dela que veñan novas tendencias. Este ano incorpóranse dúas novas especialidades, Dramaturxia e Escenografía.
-Ata onde quere chegar?
-Alégrame que me fagas esta pregunta porque cando digo que son actriz a xente a miúdo dime que a ver se triunfo e evidentemente para eles isto significa verme na televisión ou acabar traballando en Madrid. Nestes momentos decátaste que o mundo do teatro é para moita xente un auténtico descoñecido e que hai moitos prexuízos, é unha mágoa, de calquera maneira eu confío que vai mudando aos poucos.
O meu ideal sería ter un espazo propio de investigación e formación cun grupo de persoas nos que confiase plenamente. A min fascíname a forma de vida que tiñan as compañías de Commedia dell’arte itinerantes, onde todos eran como unha pequena familia. Hoxe en día hai compañías que traballan en equipo pero tamén hai moitas que contratan hoxe a estes actores e mañán a outros, iso de feito é o que eu fixen no último espectáculo e resultou ben, pero non é o mesmo que levar anos coas mesmas persoas loitando por un mesmo proxecto.
-Compatibiliza a súa profesión teatral con outra?
-Non, todo o que fago está relacionado co teatro. Ademais de estudar imparto aulas de teatro na Aula Municipal de Teatro da Cañiza. A escola é moi absorvente, a asistencia é obrigatoria e temos moitos traballos que facer na casa, apenas hai tempo para máis nada. De feito neste curso non montei ningún espectáculo novo, era imposíbel sen volverse tola. A partires de setembro volvemos ter actuacións de novo co último espectáculo, Ifixenia en Áulide e teño intención tamén de preparar un novo proxecto coas miñas compañeiras de clase que son como a miña familia.
-E difícil vivir do teatro?
-Si, é moi difícil e sobre todo moi inestábel. Por suposto hai compañías que levan moitos anos traballando e xa teñen un nome e conseguen vivir do teatro sen a necesidade de impartir aulas nin complementalo coa televisión, pero tampouco teñen a garantía de que van estar sempre aí. A competencia cada vez é maior, dentro da rede do igaem a oferta de espectáculos neste último semestre superaba  os cen para adultos e o mesmo acontecía co público infantil. Para un programador é difícil escoller entre tanta oferta e ademais non soen apostar por cousas novas, continuamente infravaloran ao seu público pensando que non van entender, isto é un erro moi grave que perxudica ao panorama galego e acaba sendo tamén un problema para os que veñen detrás.
-Como fai para sobrevivir un pequeno grupo de teatro?
-É importantísimo ter grandes reservas de ilusión e darlle un grolo cada vez que o corpo se debilita, ninguén que queira gañar diñeiro ou ter unha vida estábel acaba neste mundo, os teatreiros andamos sempre sobre unha corda frouxa pero non o deixamos, este mundo crea adicción, si, teño que recoñecer que son unha adicta do teatro. Ademais das funcións que podes conseguir dentro e fóra da rede sempre podes ofertar as obras nos colexios e institutos ou tentar saír fóra de Galiza, isto xa é máis complicado, nós témolo feito pero non é o máis habitual porque o desprazamento encarece moito. O máis habitual é que os membros do grupo paralelamente impartan aulas de teatro nalgunha asociación ou concello.
-Que lle diría aos que están na casa vendo a tele para que cambien o sillón por unha butaca de teatro?
-En realidade eu non quero que cambien a televisión polo teatro, non é en absoluto incompatíbel como moita xente pensa. O público que asiste ao teatro son persoas con interese, poden perfectamente asistir a unha obra de teatro despois de ver unha serie. Agora ben, eu diríalles que a maxia do teatro é que o que alí acontece pasa nese momento,non se repite, é único. Podemos alugar unha película e vela milleiros de veces e sempre será igual, tamén podemos ver unha mesma obra varias veces pero nunca será igual sempre hai algo que cambia e sobre todo sempre hai algo que nos pode sorprender. Desde o momento en que nos sentamos nunha butaca dun teatro non sabemos que vai acontecer, estamos moi atentos, temos necesariamente que ter unha actitude activa como se participásemos nun xogo porque sen nós, sen o público non hai teatro.

Entry filed under: A cañiza.

Programa de festas das Neves Lobariñas, en Crecente, celebra a festa do ‘Pito á brasa’

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Categorías

Feeds


A %d blogueros les gusta esto: