A Consellería de Vivenda e Solo aclara ao concello de Salvaterra que foi o PP quen negou o dereito de cobro de indemnizacións por recursos mineiros aos particulares expropiados na PLISAN

30/08/2008 at 18:43 Deixar un comentario

A Conselleira de Vivenda e Solo á vista da moción da Alcaldía aprobada recentemente polo Concello de Salvaterra de Miño, recollida polos medios de comunicación, considera necesario aclarar que foi precisamente o anterior Goberno autonómico do PP quen negou calquera dereito de indemnización por recursos mineiros aos particulares expropiados no proceso de posta en marcha da Plataforma Loxística Empresarial Salvaterra-As Neves (PLISAN).
A decisión do anterior Executivo galego quedou plasmada nunha resolución emitida pola Secretaría Xeral da entón Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, -cuxo máximo responsable era Alberto Núñez Feijoo-, resolución que foi publicada no DOG con data de 18 de xullo de 2005 e que pechaba a posibilidade de reclamación á Xunta por vía Administrativa: “contra esta resolución, que é definitiva en vía Administrativa, cabe recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”, se indica na resolución.

Ao longo dos 25 folios que constitúen esta resolución, o anterior Goberno popular  rexeita sistematicamente todas e cada unha das alegacións presentadas polos particulares expropiados que reclamaban unha indemnización por recursos mineiros. Todas recibiron como resposta a “denegación de indemnización por recursos mineiros”, ao entender que non tiñan dereito a percibir ningún tipo de compensación económica por ese concepto.

Neste sentido, resulta sorprendente a moción aprobada polo Concello de Salvaterra de Miño, instando á Consellería de Vivenda e Solo á que pague aos particulares 3,75 euros por metro cadrado expropiado, “cando foi o anterior Goberno do PP quen pechou a posibilidade de indemnizar aos expropiados desde a Administración ao negar mediante resolución que tivesen dereito algún a ser indemnizados polo concepto de recursos mineiros”, explica o delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo en Pontevedra, Eudosio Álvarez.

Ao mesmo tempo que negaba estes dereitos aos expropiados, o Goberno do PP xa outorgara de xeito exclusivo os dereitos de explotación ás empresas graveiras, o que quedou plasmado nun convenio asinado o 31 de marzo de 2003 entre as tres entidades promotoras da PLISAN, -IGVS (20%), Autoridade Portuaria de Vigo (60%) e Zona Franca de Vigo (20%)-, e José Luís Fernández Prieto en representación de Áridos do Mendo SL, Pablo González Lorenzo por Áridos Chan de Salgosa, Francisco González Martínez, por Áridos de Salvaterra, e José Manuel Martínez Ubeira, por Cerámica Miño.

Nese documento se establece explicitamente que o convenio asinado “non xera dereitos a terceiros, persoas físicas ou xurídicas, que non teñan a condición de asinantes do mesmo”, e se fixa un aproveitamento mineiro para as graveiras de 4,2 millóns de metros cúbicos a explotar durante 20 anos, ademais doutras vantaxes para as empresas.

Pese a estes antecedentes, a nova equipa da actual Consellería de Vivenda e Solo solicitou un informe aos servizos xurídicos do IGVS, ente expropiante e un dos tres promotores. O informe, emitido en marzo de 2006, ten como principal conclusión que os expropiados de terreos onde existen recursos mineiros deben ser indenmizados e que esa indemnización debe correr a cargo de quen se beneficia da explotación: as empresas graveiras.

Con este informe como base, a Consellería levou a cabo unha intensa labor de mediación ao longo dos dous últimos anos co obxectivo de acadar un acordo entre as empresas graveiras, -únicas beneficiarias da explotación dos recursos mineiros da PLISAN-, e os particulares expropiados.

O acordo non foi posible, xa que as empresas rexeitaron o convenio proposto en xaneiro de 2008 entre os promotores da PLISAN, – IGVS, Autoridade Portuaria de Vigo, e Zona Franca de Vigo-, os 414 expropiados que presentaron reclamación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e as graveiras. O convenio establecía que as empresas compensarían aos expropiados cunha indemnización cifrada en 3,75 € por M3 por todos os recursos mineiros obxecto de explotación.

“A negativa a subscribir o convenio foi transmitida polo representante dos graveiros e propietario de Áridos do Mendo, José Luis Fernández Piñeiro, empresa que tamén é a principal beneficiada da explotación dos recursos mineiros da PLISAN”.

Ante a negativa das graveiras, nos últimos meses, a Consellería de Vivenda e Solo, coa aprobación dos restantes promotores da PLISAN, estaba analizando a posibilidade de reter parte do material mineiro explotado polas empresas como medio de indemnizar aos particulares expropiados con reclamación xudicial.

Finalmente, en xullo de 2008, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu o primeiro fallo das reclamacións interpostas polos particulares, fallo que resultou negativo para os intereses dos reclamantes. Neste momento, a Consellería de Vivenda e Solo, Autoridade Portuaria de Vigo e Zona Franca de Vigo, están á espera dos informes xurídicos pertinentes, solicitados polos tres promotores da PLISAN para coñecer os efectos que se deriven da sentencia do TSXG. O resultado deses informes será transmitido aos afectados.

Entry filed under: As Neves, Salvaterra.

Ponteareas celebra as festas patronais de setembro cunha morea de actividades para todos os públicos A asociación de veciños ‘Cañiza Unida’ pregúntase por que cada ano, para as Festas do Xamón, hai que apuntalar a Praza Maior

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Categorías

Feeds


A %d blogueros les gusta esto: