Entrevista á pintora ponteareán Ehlaba

15/01/2009 at 22:39 Deixar un comentario

-Volve a PuroArte despois dunha prmeira experiencia a ano pasado, que obra presenta nesta edición? -Vou levar seis cadros. Cinco de 70 x 90 e un de 80 x 120 cm. Neles amoso un proceso de transformación.
Emprego os troncos das árbores,a natureza, e agora introducín por primeira vez vasillas de arxila,cuncas, xarróns,… É unha homenaxe a miña terra, veño dunha terra de alfareiros, e ao meu pai que é oleiro. Dende pequena vivín este proceso de transformación. O Como un cacho de terra, unha vez limpado, pasado por uns procesos queda limpo
e logo coas mans constrúese unha peza. É o que quero mostrar con esta nova obra. Sigo empregando as cores para explicar este proceso de transformación. Do vermello ao verde, violeta, o branco… Simboliza como a enerxía bruta se transforma en enerxía superior.
Desde os seu inicio en Ponteareas tivo oportunidade de profundizar no mundo da pintura. Que diferenzas hai entre aqueles primeiros cadros e os actuais?
-Aínda que o estilo é o mesmo notei cambios. Un exemplo é a miña maneira de pintar as árbores. Hai tres anos pintaba os troncos como flotando, sen estar apegados á terra.Agora pinto troncos ancorados na terra. Pinto máis a realidade, como se baixara á terra. É un proceso de evolución interior meu, sen máis.
-Ou sexa que a obra ten moito das vivencias do artista…
-Si. Antes pintaba moita acuarela e mesmo os óleos tiñan ese mesmo tratamento, coas cores difuminadas,manchando pouco o lenzo.Agora é máis óleo. No tocante as cores sigo co amarelo presente pero últimamente emprego moito os verdes.
-Que tenta explicar coas cores?
-Para min o vermello é o lume, o verde é a enerxía do corazón, a enerxía transformadora, o branco é a enerxía superior, limpa, purificadora. En cada cadro sempre hai un proceso de transformación. Emprego varios elementos
e as cores sempre son ese proceso de transformación. Por exemplo no vermello simbolizo a enerxía bruta, como a arxila, un cacho de terra, que pasa a transformarse a base de experiencias, nun proceso case de alquimia. Todo este
decurso é importante que pase polo corazón, polo amor. Esa parte está representada pola cor verde. A cunca feita coas mans sería ese resultado. No caso das árbores reflicto o ciclo constante da vida: de estar espido, logo ter follas, flores e froitos para caer e comezar de novo. A natureza móstranos este proceso, por iso gústame tanto.
Leva viaxado moito todos estes anos con exposicións en lugares como Barcelona, Florencia ou New York. Cóntenos que experiencias viviu nesas viaxes.
-Moi boas. Aprendín moitísimo. Ao principio costábame decidirme. Agora tardo cinco minutos en animarme a viaxar cando me chaman para expoñer. Quédome sempre sorprendida porque artístas doutras nacionalidades cando ven a miña obra captan sempre o que quero dicir. Emocióname moito. No tocante á xente que mirou a miña obra vivín experiencias moi potentes coma unha señora que chorou diante dun dos meus cadros. En Florencia a xente é moi amable e estaba como na miña casa. New York sorprendeume a cantidade de maneiras de expresión tan distintas que observei. Todas son perfectas sempre que sexan auténticas, únicas, que veñan de dentro.
A arte tamén é un negocio.Que opina deste tema?
-Os artistas non nos deberiamos dedicar a vender, teriamos que dedicarnos só a facer a obra. Todo o proceso de venda é complicadísimo. A min persoalmente resúltame moi complicado. Nós non somos comerciais. Como valoras a túa pintura? Moitas veces, se vives da pintura, tes que acabar vendendo por menos do que valería a túa obra. Hai pouca xente que se atreva a dar o paso de vivir da súa obra.
Segue a haber dificultades para que un artísta poda achegar a súa obra ao público?
-A min non me resulta dificil expoñer. De feito teño pendentes varias exposicións e mesmo quero facer menos, ir ao meu ritmo. Pero hai moita xente que si ten problemas. Un artista que non teña unha galería detrás ten moi dificil mover a súa obra.
Variou o panorama artístico en Ponteareas dende que comezaches?
-Hai algún artista máis pero máis ou menos está todo igual. En setembro fixemos cinco pintores unha exposición na Biblioteca. Está todo difícil.
Comezou pintando como Alba Carballo e agora colleu o nome de Ehlaba. Porque?
-Aos quince anos decidín que o meu nome artístico sería Ehlaba pero quedou agachado durante todo este tempo. É un nome inventado por min. Todos, como persoas, temos moitas partes. Eu púxenlle ese nome á parte artística de Alba.
Proxectos de futuro?
-Estou pendente de expoñer en Madrid, Ourense, en Compostela….

Entry filed under: Ponteareas.

A Consellería de Cultura organiza o III Encontro de Rancho de Reis en Mondariz Xa está aberto o prazo de inscrición para a VI Marcha das Rosquillas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Categorías

Feeds


A %d blogueros les gusta esto: