Touriño afirma que a finais do 2009 haberá empresas funcionando na plataforma loxística de Salvaterra-As Neves, que conta cun investimento público-privado próximo aos 700 millóns de euros

16/01/2009 at 14:19 Deixar un comentario

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, subliñou hoxe que neste ano 2009 haberá empresas funcionando na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra–As Neves (PLISAN) de acordo co calendario de actuacións. Así o manifestou o titular do Executivo autonómico esta mañá, durante unha visita ás obras da plataforma, que realizou xunto coa conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride. Segundo resaltou Pérez Touriño “estamos diante dunha aposta estratéxica e decisiva para Vigo, para o sur de Galicia a para toda a comunidade”, aseverou o mandatario galego, indicando que esta plataforma, que permitirá crear 10.000 postos de traballo, contará cun investimento público-privado próximo aos 700 millóns de euros: 200 deles serán de investimento público e os outros 500 virán a través do compromiso da iniciativa privada.

Esta infraestrutura terá unha superficie de 4,2 millóns de metros cadrados, o que dará lugar “ao complexo loxístico máis importante do noroeste peninsular”, subliñou o presidente da Xunta. Así, engadiu, trátase “da operación máis potente e de máis calado co fin de crear unha plataforma loxística xeradora de emprego, economía e riqueza” que evitará a deslocalización e nos permitirá gañar en competitividade. Deste xeito, a PLISAN configúrase como un espazo avanzado para a concentración de empresas e servizos loxísticos, de actividades industriais e de servizos empresariais. “Será un espazo de sinerxías económico-empresariais como nunca coñeceu Galicia”, asegurou Touriño.

A Plataforma Industrial de Salvaterra–As Neves permitirá dotar á area de Vigo e ao seu tecido produtivo de solo industrial especializado, posto que se trata dunha “aposta intelixente” que contará coas infraestruturas de comunicación axeitadas, abondou o presidente da Xunta. Por outro lado, Pérez Touriño resaltou que a PLISAN é un exemplo da colaboración institucional entre a Autoridade Portuaria, a Zona Franca e a Xunta de Galicia.

Ubicación estratéxica
Pérez Touriño subliñou a “ubicación estratéxica desta plataforma loxística” e a “proxección internacional” con conexións por estrada a través da A-52 coa Meseta e Portugal e, ao resto de Galicia na AP-9 e A-55. Ademais, a Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra–As Neves contará con accesos directos á vía ferroviaria Vigo-Ourense para facilitar a conexión co Porto de Vigo. De feito, no mes de decembro aprobouse o proxecto do trazado da conexión coa A-52, unha actuación que, unida á remodelación do enlace de Puzo, terá un investimento aproximado de 32 millóns de euros. Neste sentido, dixo que as obras de conexión serán adxudicadas en breve, “antes do verán, neste primeiro semestre”, xa que está listo o estudo de impacto ambiental e está licitado o proxecto construtivo.

En canto á estrutura, a Plataforma contará cun Centro Intermodal cunha área loxística intermodal complementaria, ademais dunha área loxística e de transformación para operadores loxísticos e de transporte, explicou o titular do Goberno galego. A área multifuncional industrial, que ocupará cerca dun millón de metros cadrados, será para empresas de transformación con centros loxísticos propios e con relacións de sinerxía co resto da plataforma, onde estarán localizadas empresas cun compoñente loxístico moi significativo. A PLISAN tamén contará cun Centro Integrado de Servizos para empresas, persoas, vehículos e equipos.

Referente internacional e dinamizador da Eurorrexión
Emilio Pérez Touriño lembrou que Vigo é “unha área fundamental para a dinamización económica non só de Galicia, senón tamén do ámbito da Eurrorexión Galicia-Norte de Portugal”. Nese sentido, afirmou que Vigo representa unha parte moi importante da riqueza que se xera en Galicia e que se constitúe en “motor económico”.

Nese sentido, Touriño remarcou que a PLISAN vai ser capaz de aumentar a eficacia na actividade do Porto de Vigo, ao liberar espazos no propio porto para atender aos crecentes tráficos marítimos, ao tempo que proporciona unha oferta de servizos loxísticos avanzados. “Será un referente internacional en canto á mobilidade e á competitividade para a nosa economía”, aseverou o presidente galego, lembrando que esta plataforma terá un papel fundamental para que os portos de Vigo, Marín e Vilagarcía “gañen un espazo de futuro”. “Difícil imaxinar maior intermodalidade” en aras da internacionalización das nosa empresas, aseverou ao respecto.

Importante apoio ao sector da automoción
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico subliñou ademais que esta actuación público-privada será fundamental para o apoio á economía de Vigo e, en particular, para o sector da automoción. O titular da Xunta indicou que o sector do automóbil está a vivir tempos difíciles en todo o mundo debido a drástica caída do volume de ventas. Por iso comprometeu o apoio da Xunta para impulsar e apoiar ao sector en Galicia e para que o Clúster do Automóbil realice “unha aposta á altura dos tempos” e canalice os plans de competitividade das empresas da automoción galegas de forma que absorban o maior investimento posible do fondo de 800 millóns de euros que destina o Goberno Central a minorar o impacto desta crise no sector. O obxectivo, explicou Touriño, é que as empresas presenten os seus plans para mellorar os seus procesos produtivos, mellorar a cualificación, os recursos humanos e formación, e para apostar por transportes máis respectuosos co medio ambiente.

“Galicia debe converter esta crise nunha oportunidade” indicou Touriño, lembrando que é preciso apostar pola competitividade das empresas galegas para que, unha vez superada a dificultade económica, poidan recuperar e incluso superar as súas cifras de produción. O presidente galego lembrou que o Goberno que preside está a traballar intensamente nesta dirección tratando de que se evite, na medida do posible, a extinción de contratos de traballo. Así, explicou que lle ten trasladado ao director xeral de Citroën que o obxectivo debe ser “minimizar e salvagardar ao máximo o emprego”, que “non se afecte o emprego fixo”, apostando por redistribuír as cargas de forma eficiente. Pérez Touriño resaltou que ese é precisamente o horizonte co que traballa a factoría viguesa.

Entry filed under: As Neves, Salvaterra.

O concello de Ponteareas aumenta a oferta de formación coa sinatura de tres novos convenios O Centro Comarcal Paradanta acollerá a exposición de pintura de Teresa Blanco

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Categorías

Feeds


A %d blogueros les gusta esto: