O pleno do concello de Ponteareas aproba a solicitude das obras e proxectos con carto ao Fondo Estatal de Inversión Local por un importe de 3,9 millóns de euros

01/02/2009 at 22:19 Deixar un comentario

O Pleno do Concello de Ponteareas, na súa reunión extraordinaria, aprobou por unanimidade a solicitude das obras e proxectos para executar no municipio que se financiarán con cargo aos fondos estatais de inversión local, por un importe total de 3.966.484 euros. A aprobación plenaria destes proxectos produciuse onte, no transcurso do pleno extraordinario, despois de que a Xunta de Goberno Local lles dera o seu visto bo o luns, 19 de xaneiro, na súa reunión semanal.

Das partidas aprobadas polo pleno correspondentes aos fondos estatais, a maior parte destinaranse a investimentos para o abastecemento de auga e o saneamento. Así, destinaranse un total de 1.057.000 euros a obras de abastecemento e saneamento en distintos barrios e parroquias do municipio.

Ademais, destinaranse un total de 808.415 euros á dotación de infraestructuras culturais. Así, este investimento adicarase á construcción de casas culturais, auditorios e multiusos nas parroquias de Arcos, Fozara, Guillade, Ribadetea, Bugarín e Prado. Aos máis de 800.000 euros para dotacións culturais hai que sumar os máis de 1.200.000 euros xa investidos no municipio para estas actuacións, co que a cifra total supera os 2 millóns de euros. A este investimento haberá que engadir o que o concello destinará a maiores a este tipo de obras durante o ano 2009.

Outra das partidas do fondo estatal de inversión local aprobadas polo pleno destinarase á mellora da eficiencia e aforro enerxético no municipio. Neste sentido, destinaranse máis de 705.000 euros á instalación de novos alumeados tanto nas parroquias como no casco urbano. Estas melloras no alumeado conlevan a posta en funcionamento de equipos adaptados ás novas normativas, o aforro enerxético e a reducción da contaminación lumínica, que figuran entre as prioridades do goberno local.

Ademais, o pleno aprobou destinar máis de 1.400.000 euros á execución de distintas obras no municipio, entre as que destacan a ampliación do centro social, a humanización da Avenida de Galicia e a construción de zonas de recreo e parques infantís en distintos colexios públicos de Ponteareas. Entre estes proxectos, inclúese tamén o acondicionamento do Parque de Bombeiros, a remodelación e construcción do muro de peche no colexio Virxe dos Remedios, o acondicionamento do Parque das Pombas e outros.

O Goberno de Ponteareas decidiu o destino dos fondos estatais de inversión local despois de manter encontros con representantes dos colectivos veciñais de todas as parroquias ponteareanas para coñecer as prioridades de investimentos en infraestructuras básicas e servicios.

O destino destes fondos aprobado polo Pleno da Corporación complementarase con outros proxectos que se executarán este ano nos barrios e parroquias de Ponteareas, e que serán financiados tanto con fondos propios do Concello como con fondos da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia.

O Goberno de Ponteareas destaca que 2009 será un ano de importantes investimentos no municipio, e as obras e proxectos previstos contribuirán a mellorar de xeito importante a calidade de vida dos cidadáns.

Entry filed under: Ponteareas.

A Consellería de Vivenda e Solo chega a un acordo con 70 propietarios afectados pola expropiación da PLISAN A pintora Teresa Blanco expón no Centro Comarcal Paradanta

Deixar un comentario

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Categorías

Feeds