O BNG de Mondariz solicita ao pleno a incorporación dos foxos de lobos na Rede Natura 2000

25/03/2008 at 10:07 Deixar un comentario

foxo-de-campo1.jpg
O BNG de Mondariz insta ao Concello a catalogar e protexer os foxos do lobo das parroquias de Gargamala e Sabaxáns. O Pleno de Mondariz debatirá a inclusión do Coto de Eira na Rede Natura 2000 da Unión Europea.
Ao igual que as distintas asociacións ecoloxistas que levan presentando alegacións ás explotacións mineiras da zona, o BNG coincide en asegurar que os foxos para a captura de lobos son unha das manifestacións do patrimonio cultural de Galiza máis descoñecidas e sorprendentes. Así mesmo, o Coto da Eira, acolle un conxunto de bens culturais privilexiado e extraordinario: muíños, petróglifos, mámoas, foxos do lobo, etc… que carecen de protección legal nas normas urbanísticas en vigor no Concello de Mondariz.
“As parroquias de Gargamala e Sabaxáns acollen un valiosísimo legado de bens de interese natural e cultural que deben ser protexidos de forma urxente a fin de evitar a súa destrución ou deterioro a causa da principal ameaza da que hoxe son obxecto: a explotación de canteiras. En concreto os Foxos do Lobo das parroquias de Sabaxáns e Gargamala inclúense dentro da Zona de Afección de canteiras promovidas por dúas empresas diferentes, que presentaron ante a administración Estudos de Impacto ou de Efectos Ambientais que ignoran a existencia dos tres foxos”, explica Xoán Carlos Montes Bugarín, portavoz municipal do BNG.

Por todo isto o BNG presentou ante o Pleno da Corporación unha moción que propón dotar de protección legal efectiva e urxente ao Coto da Eira, solicitando á Consellería de Medioambiente a inclusión deste espazo na Rede Natura 2000 da Unión Europea. Segundo os nacionalistas, deste xeito o Concello incorporará este espazo natural ao Planeamento Municipal actualmente en vigor, previa consulta aos Servizos Técnicos da Delegación provincial da Consellería de Medioambiente da Xunta de Galicia. Coa aprobación desta moción o Concello de Mondariz comprometerease a clasificar o Coto da Eira, entre as parroquias de Gargamala e Sabaxáns, como solo rústico de especial protección de espazos naturais no PXOM en fase de redacción.
Ademais, o BNG inclúe nesta mocióna dotación legal e urxente dos foxos da Chan da Anduriña e o que existe na parroquia de Gargamala en Monte Maior, fixando un contorno de protección individual de acordo con algunha das categorías fixadas pola Lei 8/1995 do Patrimonio Cultural de Galiza, incorporando ambos foxos ao Catálogo de Bens Culturais do Planeamento Municipal actualmente en vigor, previa consulta aos Servizos Técnicos da Delegación provincial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Así mesmo, piden ao concello que incorpore estes bens ao conxunto de bens protexidos do PXOM que se atopa en fase de redacción.

Entry filed under: Mondariz.

Teatro do Atlántico representará ‘A bombilla máxica’ no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas O Club de Natación de Ponteareas suma éxitos

Deixar un comentario

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


Categorías

Feeds